Archivo de la etiqueta: lingua celta

Descubrindo vocabulario de substrato en Galicia – Parte oitava

O topónimo galego Sarón

Comecemos cun exemplo relativamente sinxelo – o topónimo galego Illa de Ansarón, ou simplemente Sarón. Este topónimo designa un illote escarpado que xorde do mar no concello de Xove, en Lugo. Visto desde un ángulo, polo menos, ten a forma dun nariz humano.

Aínda que o nome, Sarón, non signifique nada en galego moderno, ten un equivalente fonético moi próximo nas linguas gaélicas – — srón – cun significado moi concreto: “nariz”. E emprégase na toponimia. Na zona de Argyle e Bute, en Scotland, atopamos unha montaña chamada An t-Sròn (“O Nariz”) debido á súa feitura, e no condado de Cork, en Irlanda, atopamos un lugar similar chamado An tSrón.

Pero na frase An t-Sròn/An tSrón, “O Nariz”, observamos que, tanto en gaélico irlandés como en gaélico escocés, o artigo definido require un lixeiro cambio ó ir anteposto ó substantivo feminino srón, de xeito que o son [t] aparece de súpeto, e o son [s] seguinte, malia escribirse, desaparece. E agora podemos preguntar, “Se a forma Ansarón realmente significa “O Naríz” en galego, por que desapareceu o [t] e por que se conservou o [s] como na forma base sròn/srón? Por que non é a forma galega moderna Antrón en lugar de Ansarón?

Hai dúas explicacións plausibles para isto. Unha é que, segundo a lingua celta de Galicia cedía gradualmente ante a forma local de latín, as derradeiras xeracións de falantes da lingua celta foron neglixentes coa gramática da súa lingua ancestral ó se converter predominantemente en falantes do dialecto local de latín. Isto ocorre frecuentemente nas chamadas “linguas moribundas”.

No dialecto de gaélico escocés falado en East Sutherland, en Escocia[23], os derradeiros falantes do dialecto local están simplificando a gramática da súa lingua ancestral ó cambiar ó inglés como lingua predominante. Neste tipo de situacións, o xénero gramatical dos substantivos pódese conservar de maneira imperfecta, e así, os falantes dirían An Srón, como se fose un substantivo masculino, en lugar de An t-Sròn.

A outra explicación consiste en que os substantivos poden cambiar de xénero segundo xorden diferentes dialectos dunha lingua co paso do tempo. Un exemplo é o substantivo feminino áit (“lugar”) en gaélico irlandés, que se converteu no substantivo masculino àite en gaélico escocés. Como resultado, para a frase “o lugar”, temos an áit en gaélico irlandés, pero an t-àite en gaélico escocés. Como o substantivo srón ten a forma normal dun substantivo masculino, non debería sorprendernos que os falantes da lingua celta local reinterpretasen o nome como un substantivo masculino, producindo An Srón.

De calquera maneira, o resultado, co paso do tempo, en Galicia sería An Srón (Ansarón). No caso de Srón (Sarón) sen o artigo definido, non habería problema ningún.

O topónimo galego Autares

O noso segundo exemplo é o topónimo galego Autares, como no lugar de Santa María de Autares, situado na crista dunha montaña moi escarpada que discorre ó longo do río Valcarce, preto dos asentamentos de Trabadelo e Ambasmestas. Ó longo da crista hai tres fortificacións antigas coñecidas localmente como “os castros”, “os fortes” e “Aldares”, que testemuñan a antiga ocupación do lugar.

A primeira mención do lugar parece estar no Itinerario de Antonino, composto, se cadra, a comezos do século III d.C baixo a autoridade imperial romana. No Itinerario, o lugar é chamado Uttaris. Temos referencias posteriores ó lugar nos séculos XI e XII, onde o chaman Autares e Outares, respectivamente.

É posible considerar o topónimo como derivado do adxectivo latino altus, que significa “alto”, con ditongación da primeira sílaba e subseguinte elisión do [l]. Así e todo, aínda que este cambio sonoro ocorreu polo menos nunha lingua romance occidental — e.g., francés haut < altus, parece que non ocorreu nas lingua ibero-romances. A forma fonética do topónimo moderno Aldares, mencionada anteriormente, suxire isto, así como os adxectivos alto/alta tanto en galego como en castelán, que non mostran o proposto cambio sonoro.

Onde si atopamos a ditongación e a elisión dunha consonante nun contexto fonético semellante é na palabra galega auto, pero isto é o resultado dun distinto cambio sonoro: latín actus “documento” > galego auto. Volveremos a este cambio sonoro concreto dentro dun momento.

Busquemos agora noutra dirección un posible significado para o topónimo Uttaris/Autares/Outares. Se buscamos no Foclóir Gaeilge Béarla un termo en gaélico irlandés moderno que poida estar relacionado co concepto dun “lugar alto”, encontramos o substantivo uachtar, “cumio, parte máis alta”. Así, temos as frases uachtar an tsléibhe “a parte máis alta da montaña”, e Cuir na caoirigh ar na huachtair, “Leva as ovellas ás terras [máis] altas” (coa forma plural do substantivo).

Se agora comprobamos en eDIL as formas en gaélico irlandés antigo, descubrimos que ademais da forma uachtar, tamén existiu unha forma anterior cunha soa vogal longa ó- en lugar do diptongo ua- na primeira sílaba: óchtar.

E se retrocedemos un paso máis ata unha etapa anterior da lingua, atopamos a forma reconstruída *ouktero[24] no dicionario etimolóxico de MacBain, aínda que non está claro se MacBain presenta unha hipotética forma protocelta ou unha forma máis antiga. Así e todo, podemos supoñer que unha vez que evolucionou o gaélico irlandés antigo, a consonante velar [k] do grupo [kt] xa se convertera en [x] por lenición, de aí óchtar/uachtar.

Este foi un cambio sonoro normal nas linguas gaélicas, como podemos ver na evolución da forma fonética da palabra “oito”: Indoeuropeo *ok’tōu > gaélico irlandés ocht.

Claro que se examinamos a mesma palabra na lingua italiana, veremos que a descendente directa do latín evolucionou nunha dirección diferente. En italiano, perdeu a consonante velar e duplicou a consonante seguinte para compensar a perda da consonante velar: Latín octo > Italiano otto. Este cambio sonoro é absolutamente normal en italiano. Fixémonos, por exemplo, que en latín é factus pero en italiano é fatto.

Volvamos agora a Autares/Outares, ó que os romanos chamaban Uttaris. Supoñamos que o pobo celta local o chamaba algo cun son semellante á da forma protocelta *ouktero- mencionada anteriormente.[25] Probablemente sería algo como *Óuktari, similar á probable forma plural *óchtari en gaélico irlandés primitivo ( > gaélico irlandés antigo óchtair, uachtair), co significado de “os altos”.

Dando por feito que nas lexións romanas locais había unha boa cantidade de soldados italianos, é posible que xa comezasen a empurrar o latín clásico na dirección do latín vulgar e do italiano, pronunciando o topónimo local Óuktari como algo parecido a  Óttari ou Úttari, coa perda da consonante velar e a xeminación da consonante seguinte como compensación pola perda.

Entrementres, os habitantes locais continuarían pronunciando o topónimo dun xeito semellante ó do seus devanceiros, cun ditongo na primeira sílaba. E pronunciarían as palabras latinas con formas fonéticas semellantes da mesma maneira. Polo tanto, non só se convertería Óuktari/Úttaris en Outares/Autares, senón que substantivos comúns cunha forma fonética semellante sufrirían un desenvolvemento semellante. Deste xeito, por exemplo, a palabra latina actus se convertería na palabra galega auto. Mentres, os lexionarios italianos seguirían levando a palabra latina actus nunha dirección diferente – a de atto, todo dun xeito perfectamente regular.

Finalmente, o acento de Outares/Autares pasaría co tempo á penúltima sílaba, que é a pauta de acentuación normal nas palabras das linguas ibero-romances.

E así, hoxe non nos sorprendería encontrar o substantivo común outeiro, para designar unha cuíña ou un lugar elevado, cunha forma fonética moi similar á do topónimo, incluíndo o ditongo e unha pauta de acentuación semellante. Aínda que parece ser unha palabra normal do vocabulario romance cun sufixo romance típico, se lembramos a forma protocelta *ouktero-, agora podemos sospeitar que o substantivo outeiro ten a mesma orixe celta có topónimo que vimos de analizar.

O topónimo galego Moruxo

Poderiamos dicir moito máis sobre outros topónimos dos arredores deste lugar, pero pasemos ó exemplo toponímico final, Moruxo, e a outros similares cos sufixos -uxo, -uxa e -uxe.

Moruxo é o nome dunha parroquia do concello de Bergondo en Galicia. Esta situada a pouca distancia do lugar no que se xuntan os ríos Mendo e Mandeo para despois fluír durante oito quilómetros a través de marismas e xunqueiras ata desembocar no mar no esteiro da Ría de Ares.

Aínda que posiblemente non teñamos nin idea do significado do topónimo Moruxo, podemos sospeitar que pode ter algo que ver con ríos ou coa auga en xeral. Observemos agora algúns topónimos gaélicos en Escocia. De feito, ó buscarmos topónimos que conteñan o elemento uisge [u∫k’ı], “auga”, atopamos un listado de 12 topónimos, designando ríos ou regatos todos eles.[26]

Con todo, hai un topónimo máis cuxa forma fonética é moi semellante á do topónimo galego Moruxo. O Monte Moruisg, de case 1,000 metros de altura, está nunha inhóspita paisaxe a carón dun lago. Dise que Moruisg, a versión anglicanizada, significa “(masa de) auga grande”, e a forma gaélica do topónimo sería Mòr-Uisge.[27]

Aínda que é atractivo explicar o topónimo galego Moruxo como se orixinalmente significase “(masa de) auga grande” na lingua celta local, que posibilidades hai de que o elemento gaélico –uisge [u∫k’ı] quedase reducido ó elemento galego –uxo [u∫o]? Que causa faría que o fonema /k/ simplemente desaparecese? Ó fin e ó cabo, en galego temos palabras tales como mourisco, “un mouro bautizado”, na que o son /k/ non mostra síntomas de desaparecer.

Atopamos a resposta na palabra galega peixe, derivada da palabra latina piscis. Nesta palabra vemos claramente que o grupo consonántico palatalizado [sk’] en latín queda reducido a [∫] en galego. Isto non debería sorprendernos, xa que é un cambio sonoro estendido por todo o oeste de Europa.

Os italianos produciron pesce [pe∫e], os franceses produciron pêche, e mesmo os seus veciños que falan linguas xermánicas produciron o mesmo cambio; cf. inglés fish, holandés visch e alemán Fisch.[28]

Así e todo, as linguas gaélicas conservaron o /k’/ nos grupos palatalizados e máis nos grupos non palatalizados, e dun detallado exame da fonoloxía despréndese que a palatalización do /k/ é a forza impulsora do cambio sonoro de [sk’] ou [∫k’] a [∫].

Observemos a singular forma iasc [iask] (“peixe”) en gaélico irlandés co grupo consonántico non palatalizado [sk], equivalente foneticamente ó sufixo -sco da palabra galega mourisco. Observemos despois a forma plural éisc [e:∫k’] (“peixes”), na que o son [s] foi palatalizado pola seguinte consonante palatalizada [k’], e, consecuentemente, mesmo a calidade da vogal predecesora foi afectada. De tódolos xeitos, ó contrario das súas veciñas romances e xermánicas, as linguas gaélicas non dan o paso final de elidir o [k’].

O elemento toponímico galego -uxe.

Contemplando a posibilidade de que o topónimo galego Moruxo pode derivar certamente dun topónimo celta local moi similar a Mòr-uisge, sigamos explorando a paisaxe galega para ver se atopamos algún outro topónimo que pareza conter o elemento uisge.

De feito, na paisaxe galega abondan os topónimos que parecen conter o elemento uisge. Temos Coruxo, A Antuxa, e polo menos seis topónimos máis que conteñen a variante específica -uxe: Uxes, Tuxe, Vilouxe, Vilaúxe, Freituxe, e Maguxe.

Comezando por Coruxo, o topónimo podería ser explicado como coire uisge “cunca fluvial”, como no topónimo escocés Loch Coire Uisge, “O Lago da Valgada”, xa que coire denota unha valgada en gaélico irlandés e escocés, e Coruxo está situado nunha ampla cunca fluvial.

O topónimo A Antuxa significaría simplemente “o río”, como no topónimo escocés An t-Uisge Bàn, “O Río Branco”. Aquí parece que o artigo definido gaélico an t- está incluído na forma Antuxa, e semella que, posteriormente, se lle engadiu o artigo determinado galego.

Nas dúas formas precedentes se engadiron os sufixos vocálicos romances -o e -a, pero nos exemplos seguintes, coa variante -uxe, non se engadiu sufixo romance ningún.

Comezando cos topónimos Uxes e Tuxe, Uxes podería ser explicado como a forma plural uisgí “augas”, en referencia ó río que flúe pola parroquia. Canto a Tuxe, sería a forma en nominativo singular co artigo definido An t-Uisge, “O Río”, que xa analizamos anteriormente.

Tanto Vilaouxe como Vilaúxe poden ser interpretados como Baile (an) Uisge, “O Asentamento a Carón do Río”, substituíndo o termo latino villa o seu equivalente gaélico baile, “asentamento”, un componente frecuente nos nomes das vilas de irlanda e de Escocia.

O topónimo Freituxe, o nome de, polo menos, dous lugares de Lugo, pode estar relacionado coa palabra gaélica fraoch [fr’e:x], “breixeira”, xa que o topónimo galego corresponde a lugares con zonas de terras baldías próximas a ríos. En gaélico, o topónimo composto sería Fraoch-Uisge. De feito, en gaélico atopamos diversos topónimos que conteñen o elemento fraoch; en Irlanda encontramos dous casos de An Fraoch (“A Breixeira”), e en Escocia atopamos Fraoch-Bheinn “Monte de Breixo” e Mullach Fraoch-Choire “O Cumio da Valgada de Breixo”.

A forma Fraoch (an) t-Uisge (Freituxe) sería considerada incorrecta por un gaélicofalante debido á forma do artigo definido en caso xenitivo[29], pero a forma galega poderíase explicar como unha construción gramaticalmente incorrecta usando a frase nominal nominativa-acusativa An t-Uisge como base. Este tipo de anomalías gramaticais serían de esperar mentres a lingua galega foi substituíndo a lingua ou linguas celtas locais.[30]

O derradeiro topónimo que imos mencionar é Maguxe, unha zona moi cha pola que discorre o río Sar. En gaélico, o substantivo magh denota unha chaira, de xeito que magh-uisge podería denotar un río que flúe por unha chaira. En Escocia úsase este termo precisamente para designar un lago que se forma nunha chaira como resultado das abundantes chuvias invernais.

Tanto en Escocia como en Irlanda, abondan os topónimos que conteñen o elemento magh, polo que case non é necesario dar exemplos. Magh Tuireadh, (“A Chaira dos Piares”), o nome de dous lugares distintos de Connaught onde os míticos Tuatha Dé Danann (“tribos da deusa Danu”) loitaron contra os seus inimigos, é un dos topónimos máis significativos da narrativa tradicional irlandesa temperá.

[23] Cf. Dorian (1978) e Dorian (1981) .

[24] Cf. MacBain (1896/1982), uachdar.

[25] O ditongo da primeira sílaba debe ser vello, xa que o atopamos no adxectivo lituano aukštas, “alto”. En canto ó [š] intrusivo, véxase a forma superlativa xermánica höchstes, “o máis alto”.

[26] Hai un décimo terceiro topónimo, Loch nam Madadh Uisge, “Lago das Londras”, pero o elemento Uisge refírese aquí ás londras (“cans de auga”), non ó lago.

[27] Esta forma composta, na que o elemento adxectival precede o substantivo en lugar de seguilo, é unha construción gramatical máis antiga e moi común na toponimia irlandesa.

[28] Malia a enganosa ortografía das linguas escandinavas, os escandinavos realizaron o mesmo cambio sonoro. Así, a palabra danesa e sueca fisk pronúnciase da mesma maneira cá palabra inglesa fish ou a alemá Fisch.

[29] Fraoch an Uisge, “A Breixeira do Río”, sen o t-, sería a construción esperada se aparecese o artigo definido entre os dous nomes.

[30] Cf. a discusión anterior sobre Sarón e Ansarón en referencia a Sròn/An tSrón.

Descubrindo vocabulario de substrato en Galicia – Parte sétima

Buscando topónimos: Nomes de Lugar en California

Despois de mirarmos nomes de cousas, pasemos a outro tipo de nomes. De nomes comúns podemos pasar agora a nomes propios – nomes de individuos, tanto nomes propios como apelidos; nomes de grupos étnicos — etnónimos; e nomes de lugar — topónimos. Todos eles poden ser explorados abundantemente en Galicia, pero ata agora, de todas estas categorías, o Proxecto Gaelaico centrouse nos topónimos actuais da paisaxe galega, polo que imos limitar a nosa discusión a esa área.

Tratar cos topónimos dunha rexión pode resultar complexo cando varias ondadas de intrusos conquistaron a zona sucesivamente, falando cada onda de intrusos unha lingua de seu. Na zona onde me criei no norte de California, preto de San José, había, como mínimo, tres capas principais de topónimos. A capa máis profunda era a dos topónimos indíxenas, característicos, sobre todo, de lugares pequenos en zonas remotas e de características topográficas como os cumes das montañas  e os importantes estreitos das zonas de ribeira. Hoxe, estes topónimos indíxenas non son prominentes nos mapas, pero moitos deles aínda existen – se sabemos onde buscalos.

A segunda capa é a dos topónimos casteláns da época da administración española, que, estarricándose cara ó norte desde México, estendeu unha cadea de asentamentos misioneiros estre os grupos étnicos indíxenas ata chegar á zona da baía de San Francisco. Aínda que este período de administración só durou medio século aproximadamente, sentou as bases para toda unha rede de vilas baseadas nos asentamentos das misións, xeralmente bautizadas co nome do santo patrón de cada unha das misións, que posteriormente formou o núcleo de grandes cidades de California – San José, San Francisco, Santa Cruz, Santa Bárbara, Los Ángeles, etcétera.

Algúns dos topónimos casteláns non estaban relacionados cos asentamentos das misións, senón que describían características locais: Los Gatos, na entrada das montañas de Santa Cruz, fai referencia ós pumas que abondaban naquelas montañas, mentres que Fresno fai referencia a un freixo que orixinariamente sinalaba a misión española.

Unha vila pequena situada na beira sur da Baía de San Francisco próxima a San José coñécese como Milpitas. De feito, este topónimo está baseado na palabra nahuatl milpa, que significa “lugar de cultivo”, co sufixo diminutivo plural castelán -itas engadido. Está claro que na rexión non se falaba nahuatl, pero indica que os colonos castelánfalantes viñeran de México, onde unha gran parte do vocabulario nahuatl estaba presente no seu castelán local.

A terceira capa de topónimos representa a onda de colonos “ingleses” e os seus sucesores que se fixeron con todo o suroeste dos Estados Unidos despois de quedarse coa metade de México durante a guerra de Estados Unidos – México. Esta capa representa unha confusa variedade de topónimos cuxa orixe non inglesa adoita estar escurecida pola anglicanización. Por exemplo, a pequena vila de Campbell leva o nome dun colono que probablemente tiña devanceiros escoceses, xa que o seu apelido é o epíteto dun clan escocés prominente: cam-beul, “boca torta”.

Parece que a pequena vila de Menlo Park leva o nome dun suburbio da cidade irlandesa de Galway. En gaélico irlandés, o topónimo é Mionloch, “o lago pequeno”. E a próxima e pequena comunidade de Saratoga leva o nome dunha vila do norte do estado de Nova York. De feito, é un topónimo indíxena, pero procede dunha das comunidades indíxenas da zona rural do estado de Nova York, 5.000 quilómetros ó leste.

Topónimos en áreas colonizadas hai tempo e en áreas demográficas estables

Claro que, normalmente, tratar coa toponimia é moito máis sinxelo. Se a poboación actual da rexión representa, basicamente, os descendentes dos pobos que primeiro habitaron a rexión hai miles de anos, sen intrusións demográficas a grande escala en séculos posteriores, a tarefa de investigar os topónimos da zona pode presentar relativamente poucos problemas. As persoas das zonas rurais, ó contrario das persoas das vilas e cidades, representan tipicamente a poboación do pasado.

A miúdo é extraordinario o que os campesiños recordan do pasado. Un arqueólogo sueco estaba investigando os dolmens dunha zona da Suecia rural. O seu equipo quería escavar un dolmen situado nas terras dunha granxa local, así que foi onda o granxeiro para pedirlle permiso para escavar. Antes de escavar, preguntoulle ó granxeiro se sabía algo sobre o dolmen que estaba nas súas terras. O granxeiro díxolle que había un cabalo e un xinete enterrados debaixo do dolmen.

O equipo arqueolóxico comezou a escavación e, descubriu os ósos dun cabalo e dun xinete. Pero o que sorprendeu o arqueólogo foi que os ósos non eran os dun cabaleiro medieval e o seu cabalo, nin os dun xinete viquingo, ou nin sequera os dun xinete da Idade de Ferro. Os ósos eran os dun xinete da Idade de Bronce e do seu cabalo! Noutras palabras, parece que o granxeiro conservaba o recordo dun enterramento nas terras da súa familia que tivera lugar 3.000 anos antes, se cadra!

Pode haber outras explicacións para o “afortunado acerto” do granxeiro, pero na opinión do arqueólogo sueco, era unha proba clara da supervivencia de recordos de eventos do pasado distante nunha poboación rural que permanecera inalterada, vivindo na localidade dos seus devanceiros. Creo que isto ten claras implicacións para a investigación de topónimos na Galicia rural.

Os gaeles sempre lle deron unha grande importancia ó que eles chaman dinnseanchas – o coñecemento dos topónimos. En Irlanda, algúns topónimos datan de miles de anos e teñen capas de seu nas que un topónimo desbanca outro. Podemos aprender moito de como lles puxeron nome os irlandeses ós seus lugares prominentes, xa que estas prácticas dos gaeles en Irlanda poden reflectir de maneira fiable o sistema de creación de topónimos da poboación celta de Galicia.

Recentemente houbo un programa semanal de televisión en gaélico irlandés chamado Logainm (“Topónimo”) de 26 episodios nos que expertos en toponimia falaban de topónimos de diferentes tipos e da súa distribución en Irlanda. Tamén hai un libro titulado Ó Lyon go Dún Lúiche: Logainmneacha san Oidhreacht Cheilteach (Desde Lyons a Dún Lúiche: Topónimos da Herdanza Celta). É un manual escrito en gaélico irlandés nun estilo popular por un experto en toponimia e nel fala de topónimos celtas por todo o oeste de Europa — incluídos España e Portugal.

De fontes dese tipo aprendemos que os topónimos celtas encaixan en amplas categorías, e os seus elementos – incluso o topónimo enteiro – adoitan repetirse en lugares moi espallados ó longo dunha ampla paisaxe. Os topónimos máis antigos tenden a ser nomes de ríos, normalmente con nomes de deusas, ou características topográficas tales como os nomes dos cumios ou cristas de montaña que tamén adoitan ter nomes de deusas.

Toponimia na Península Ibérica

Na Península Ibérica, os hidrónimos son mencionados decote por escritores gregos e romanos, xa que, normalmente, os ríos serven como importantes rutas de viaxe ou de comunicación, ademais de servir como lindes claras entre grupos étnicos. Por esta razón, a hidronimia da Península Ibérica tal como foi descrita polos autores clásicos ofrece unha boa cantidade de información – lingüística entre outras – sobre cada zona, xunto con etnónimos e topónimos.

De tódolos xeitos, sempre está aí o problema da interpretabilidade dos topónimos, xa que os autores clásicos puideron deformar os sons dos topónimos ó transcribilos, ou puideron interpretar mal o significado dos topónimos ó tratar de explicalos.

Pero neste artigo nos limitaremos en gran medida a versións modernas de topónimos galegos que parecen ter orixe celta para ver que se pode facer con eles.

Descubrindo vocabulario de substrato en Galicia – Parte sexta

Tres exemplos de palabras do vocabulario:

(1) a palabra galega croa

Con todo, escollamos en primeiro lugar unha palabra galega de orixe incerta ou descoñecida que designe algo do mundo rural para logo seguir o rastro no mundo gaélico para ver a onde pode levarnos. A palabra galega croa, que designa o cume redondeado dun outeiro ou dun castro, un penedo que sobresae nun cumio, unha parcela circular de boa terra de cultivo, ou mesmo lugares nos barrancos dos outeiros onde se poida gardar o gando[15], parece tentadora.

Xeralmente, a palabra croa vese como unha forma abreviada da palabra galega coroa, derivada da palabra latina corona, coa elisión normal do [n] (e.g., galego boa < latín bona). Así e todo, os significados da palabra coroa, son máis limitados cós da palabra croa. Os dous significados principais parecen designar unha coroa de flores ou unha diadema de metal empregada como adorno persoal, ou a tonsura dun monxe (crego). Hai poucas referencias ós aspectos topográficos ou agrícolas do significado tan característico da palabra croa.

Claro que pode considerarse que a tonsura dun monxe parece unha ringleira circular de pedras no cumio dun outeiro empregada para pechar un campo ou para gardar o gando nas montañas. A imaxe recórdanos claramente un mundo celta antigo no que gardar o gando nos outeiros tiña unha enorme importancia, e os castros fortificados serían a única maneira de gardar o gando nun mundo turbulento.

Examinemos agora o mundo gaélico e o seu vocabulario. No dicionario de gaélico irlandés moderno, Foclóir Gaeilge-Béarla, atopamos unha coincidencia inmediata para a palabra galega croa: a palabra gaélica cró. Igual cá palabra galega croa, a palabra gaélica cró ten unha ampla variedade de significados. O significado básico é unha estrutura circular que pode ser tan pequena como o ollo dunha agulla ou o encaixe da asta dunha lanza. Pero pode ser máis grande, como o círculo defensivo formado polos guerreiros nunha batalla (cró catha) ou a pista dun circo ou, metaforicamente, podería abranguer incluso toda Irlanda  — Cró Choinn, o curro de Conn.

No último exemplo, chegamos a un significado que solapa o da palabra galega croa: a palabra gaélica cró tamén pode designar un curro ou unha croa na que se gardan animais domésticos. En tempos pasados, nas rexións gaélicas, ese curro sería unha estrutura circular de muros de pedra nunha zona aberta, preferiblemente no cumio dun outeiro, lonxe de pantanos e marismas, na que se puidese gardar e protexer o gando e outros animais domésticos.

Parece agora que a palabra galega croa podería ser o eco dun mundo celta galego no que o gando se gardaba decote nos cumios dos montes e no que o gando podía levarse ó castro para custodialo en épocas de guerra. Así, en Galicia cró identificaríase con cumios e con castros incluso despois de cambiar a lingua celta local no latín local.

De tódolos xeitos, no mundo gaélico de Irlanda e de Escocia empregaríase unha terminoloxía máis precisa. Un /unha cró sería un curral para calquera animal doméstico, pero en referencia ó equivalente a un castro nun cumio – como os castros que cobren os cumios de grandes zonas de Irlanda e de Escocia, a palabra normal para un castro circular sería dún ou ráth, e o grande espazo circular do interior chamaríase lios. É no lios onde normalmente viviría a parentela do xefe local, e aí é onde se gardaría o gando en épocas de guerra.

A palabra dún designa un recinto pero tamén designa un lugar de refuxio. A palabra ráth denota un terraplén ou muro de terra, pero na lingua máis vella hai un homónimo que denota unha garantía ou seguridade, transmitindo unha vez máis o concepto de seguridade. Malia a terminoloxía gaélica máis específica para designar un castro, o concepto básico subxacente no castro tanto nas zonas gaélicas como en Galicia é que é un/unha cró defensivo/a para os habitantes do castro e mailos seus animais domésticos.

Así, ó tratarmos coa palabra galega croa, podémola derivar simplemente dunha palabra latina que designa unha coroa ou a tonsura dun monxe, ou podemos contemplar a posibilidade de que derive dunha palabra celta local, absorbida na lingua latina local, que conserva unha boa parte da variedade de significados da palabra gaélica cró e que incluso conserva a súa forma fonética.

Isto non quere dicir que as palabras croa e cró non estean relacionadas coa palabra latina corona; significa simplemente que poden ser formas cognadas da palabra latina que sufriron cambios sonoros idénticos partindo dunha forma protocelta anterior – se cadra idéntica á palabra latina corona.

Coa perda da vogal da primeira sílaba e a elisión do [n] da forma ancestral *korona, a forma gaélica cró[16] e a palabra galega croa serían o resultado dos cambios sonoros que tiveron lugar orixinariamente na lingua celta local e foron conservados polos gaeles despois de marchar de Galicia. Como resultado, tanto a palabra gaélica cró como a palabra galega croa serían virtualmente idénticas entre elas pero tamén identicamente distintas da palabra latina corona.

Decidamos o que decidamos crer sobre a palabra galega croa, podemos estar seguros de que a palabra gaélica cró non foi tomada como préstamo dos romanos!

(2) A palabra galega broa

Pasemos agora a unha palabra galega cunha forma fonética semellante – a palabra broa. Úsase para designar un bolo circular e grande de pan feito tradicionalmente de centeo, o cereal máis usado na Galicia medieval[17]. Considerábase parte da dieta das clases máis pobres de Galicia. Polo tanto, ten tódalas características dun alimento moi tradicional.

Observemos que a forma castelá desta palabra é borona, e que, como no caso da palabra croa, parece que a forma máis temperá podería ser a forma *borona, da que posteriormente derivaría broa a través da elisión do [n] e da perda da vogal da primeira sílaba, producindo unha forma disilábica a partir dunha forma trisilábica. Tamén existe a variante galega brona, na que a forma trisilábica se reduce a unha forma disilábica, pero na que o [n] non é elidido.

De tódolos xeitos, se buscamos bró no dicionario de gaélico irlandés moderno Foclóir Gaeilge-Béarla, levaremos outra sorpresa. En gaélico irlandés moderno a palabra bró non significa “bolo de pan grande e redondo”; o seu significado principal é “muíño de man” ou “pedra de muíño” – a pedra empregada para moer o gran que se usa para facer o pan. Pero se examinamos os muíños de man prehistóricos atopados nos castros de Galicia, vemos que todos estes muíños de man teñen exactamente o mesmo tamaño e a mesma forma cá broa que tradicionalmente se come en Galicia. Polo que parece que, hai moito tempo, cando un galego quería mercar unha  broa enteira, o que desexaba era mercar un “muíño de man”, e non un anaco pequeno.

Pero sigamos explorando os significados da palabra gaélica bró. O segundo significado que encontramos é “masa densa” de algo – de persoas, de ferro, de peixe, de algas, mesmo de sangue callado. É doado ver a conexión do sentido derivado do primeiro significado, xa que un muíño de man produce unha masa densa de fariña – e iso é xustamente o que temos na palabra galega broa!

Pero agardemos – hai máis. Sobre unha persoa chea de comida, en gaélico irlandés se diría  “Tá sé ina bhró” (literalmente, “Converteuse nun muíño de man/nunha masa densa”), e a unha “persoa robusta, corpulenta” chámana un bró. Se volvemos ó galego, observamos que a palabra broeiro se usa para designar “un home que come moita broa ou un home groso e de figura ordinaria”. Incluso hai un verbo reflexivo, abroarse, para describir unha persoa que adquiriu a figura dun broeiro por comer en exceso.

E o conto vólvese máis interesante. En galego, tamén temos a palabra broada, co sufixo romance -ada[18], para designar a masa grande, cha e redonda de excremento que deixa unha vaca. Coincidentemente, en gaélico irlandés antigo, temos a frase sgaoileadh bronn, “frouxidade de ventre”, ou evacuación intestinal, na que bronn, a forma do xenitivo de brú, “ventre, entrañas, madre, matriz”[19], un substantivo diferente, é moi próxima, foneticamente, a brón, a forma do xenitivo de bró, “muíño de man, masa densa” en gaélico irlandés antigo. É posible que se solapasen os significados das dúas distintas formas brú e bró en frases como sgaoileadh bronn tanto en gaélico irlandés como na lingua celta que se falaba en Galicia, pero iso sería pura especulación.

Unha vez máis, como no caso de croa/coroa/corona e a palabra gaélica cró, parece que temos unha forma base trisilábica (*borona) que foi reducida a unha forma disilábica (broa/brona) en galego e unha forma monosilábica (bró) en gaélico irlandés. En canto a raíz bro-, tanto a variante galega broa como a forma gaélico-irlandesa bró sufriron cambios sonoros idénticos. Observemos tamén a forma do xenitivo de bró en gaélico irlandés antigo — brón, que parece conservar unha forma anterior *boron/borona.

Resumindo, ademais da evolución paralela dos sons das palabras broa (etcétera), e bró tanto en Galicia como en Irlanda, temos un abundante conxunto de significados asociados que relacionan as formas galegas e gaélicas de maneira que sería moi difícil atribuílos á pura casualidade. Unha vez máis, debemos contemplar a clara posibilidade dun substrato celta para o galego que reflicte directamente o devanceiro das linguas gaélicas en Irlanda e en Escocia.

E empeza a parecer que os cambios fonéticos sufridos por certas palabras tanto en galego como en gaélico pode diferenciar esas palabras do vocabulario celta herdado polo castelán a partir da lingua celtibérica máis conservadora.[20]

(3) A palabra galega croia

Sigamos procurando palabras do vocabulario de substrato celta na granxa galega, tendo presente que é nas cousas pequenas que atopamos en lugares estraños onde máis a miúdo encontraremos o vocabulario de substrato. Se collemos unha froita dunha árbore na horta e empezamos a comela, observaremos que a froita ten unha pedra no centro. En galego, esa pedra chámase croia.[21]

En gaélico irlandés moderno, esa pedra chámase croí: croí toraidh “o corazón da froita”. Nesta frase, o significado é equivalente ó da palabra galega croia, e a pronuncia é semellante, aínda que en gaélico irlandés o ditongo galego é substituído por unha vogal longa: [kri:] en lugar de [kroy-]. Así, parece que temos unha interesante parella.

Así e todo, o problema está en que o significado básico da palabra gaélico-irlandesa croí é “corazón”, e non un tipo de pedra. A palabra croí é un cognado da palabra latina cor, da que deriva a palabra galega corazón. É unha pista falsa a correspondencia entre a palabra galega croia e a palabra gaélico-irlandesa croí?

Aquí, outra singular información procedente do galego pode axudar a resolver a cuestión. En galego, temos o verbo croiar, que significa “suplicar” ou “rogar ferventemente”, e descubrimos que o verbo sería traducido ó gaélico irlandés como rud éigin a iarraidh ón gcroí — “pedir algo de corazón“. Así que parece que en galego se conservou o significado da raíz gaélica croí na propia raíz do verbo croi-ar. Está claro que o significado do verbo non ten nada que ver co concepto dunha pedra!

Que ocorreu aquí? Como vimos ó comezo da nosa exposición, é moi probable que o vocabulario principal de latín, incluída unha boa parte do que un lingüista consideraría “vocabulario básico”, fose introducido entre a poboación celta local polos intrusos romanos, sen ter en conta a súa orixe étnica ou lingüística.

Así e todo, o pobo celta local, incluso mentres empregaba o vocabulario de alta frecuencia dos seus veciños latinos segundo adquiría lentamente  a forma local de latín, tendería a chamar a multitude de obxectos cotiáns da súa contorna polos mesmos nomes que usaran os seus devanceiros durante séculos – pola simple forza do hábito.

Así, á vez que usaban un termo derivado do latín para o concepto de “corazón”, aparentemente, seguían usando formas da lingua celta local relacionadas coa palabra gaélica croí cos seus significados máis periféricos ou metafóricos: para describir o “corazón” dunha froita ou para rogarlle a alguén “de corazón”. Posteriormente, as calidades físicas da pedra dunha froita (croia) ou unha pedra redonda (croio) substituirían o  significado anterior que atopamos na frase gaélico-irlandesa croí toraidh – pero o verbo galego croiar conservaría o significado anterior inequivocamente. Non hai nada de “corazón duro” en implorarlle a alguén!

Pero falando de dureza, os significados actuais de croia e croio fannos lembrar o adxectivo gaélico-irlandés crua – que pode significar “duro fisicamente (como unha pedra)” ou “difícil”. En canto ó galego, o adxectivo cru, crua, significa “cru”, pero tamén significa “duro, recio, rigoroso”, así que comparte os significados literais e metafóricos do adxectivo gaélico-irlandés crua. Parece haber unha interesante rede de significados que conecta todas estas palabras en galego e en gaélico irlandés, pero é difícil dicir moito máis neste momento.

Falando do concepto de “crueza”, en lituano hai un interesante adxectivo: kraujas, que significa “sanguento”. Aínda que a raíz desta palabra, krauj-, parece estar relacionada na súa forma fonética e no seu significado con croia e con croí en gaélico irlandés, a verdade é que está relacionada cunha raíz gaélico-irlandesa diferente: cró “sangue”, “cruor” (sangue vertido), como vemos na etimoloxía da palabra gaélico-escocesa crò aportada por Alexander MacBain.[22] Isto salienta a importancia de comprobar as etimoloxías de posibles cognados ó longo do espectro de formas cognadas indoeuropeas.

De tódolos xeitos, o substantivo gaélico cró/crò (“sangue, cruor”), está, de feito, relacionado etimoloxicamente co adxectivo galego cru, crua “cru” (cf. o adxectivo castelán crudo, cruda e o substantivo latín cruor.) Observemos novamente a proximidade fonética das formas gaélicas e galegas.

Resumindo, aínda que non poidamos aportar respostas definitivas ás preguntas que xorden das aparentes pautas que observamos nos datos, polo menos, podemos recoller os datos, examinalos desde diferentes perspectivas e sopesar con coidado a evidencia existente ata que novos datos estean dispoñibles. Está claro que non fai dano recadar unha gran masa de datos, sempre que se escudriñen coidadosamente.

[15] Cf. Sarmiento (1746-1770), “[grova][grava][crôa]”.

[16] Presumiblemente, habería un alongamento compensatorio da vogal da segunda sílaba debido á perda do [n] e da vogal da sílaba final.

[17] Nos dous últimos séculos, usouse fariña de maínzo como ingrediente principal en lugar de centeo ou doutros cereais.

[18] Aquí, un sufixo deverbativo que denota o resultado dunha acción.

[19] En gaélico irlandés moderno, a forma para “matriz” é broinn, formada a partir da forma dativa de brú en gaélico irlandés antigo.

[20] Cf. Koch (2013), pp. 121, 137.

[21] Tamén hai unha forma masculina, croio, empregada en galego para describir unha pedra lixeiramente maior, un coio.

[22] Cf. MacBain (1896/1982), crò.

Descubrindo vocabulario de substrato en Galicia – Parte quinta

O contexto indoeuropeo máis amplo

Outro recurso excelente para o gaélico escocés é An Etymological Dictionary of the Gaelic Language de Alexander MacBain. Esta obra de referencia tamén foi publicada hai máis de cen anos, pero segue sendo inestimable para ver como está relacionada unha palabra gaélico-escocesa a unha ampla variedade de formas cognadas, tanto na familia das linguas celtas como na familia máis extensa das linguas indoeuropeas. Este recurso tamén está dispoñible en liña.

Falando da extensa familia de linguas indoeuropeas, a clásica obra de referencia de Carl Darling Buck, A Dictionary of Selected Synonyms  in the Principal Indo-European Languages, é indispensable para calquera que desexe entender como están relacionadas semanticamente palabras celtas que expresan certos conceptos individuais con palabras que expresan conceptos semellantes ó longo de toda a variedade de linguas indoeuropeas.

Nela podemos observar o desenvolvemento etimolóxico de palabras modernas a partir de formas indoeuropeas máis antigas dentro da familia de linguas indoeuropeas. Por outra parte, podemos observar como certos grupos de palabras de forma fonética semellante se agrupan en certas áreas xeográficas e son características de certas subfamilias de linguas indoeuropeas. Estas formas, compartidas por subfamilias adxacentes de linguas indoeuropeas, poden ser o resultado da herdanza común dunha lingua ancestral ou poden ser simplemente o resultado de préstamos lingüísticos entre veciños.

En canto a investigación do mundo rural galego, o dicionario comparativo de Buck é especialmente útil debido a que as palabras investigadas están agrupadas nun gran número de dominios semánticos relacionados que abranguen as áreas que queremos investigar exactamente: relacións familiares, animais domésticos e salvaxes, partes do corpo, alimentos e bebidas, ferramentas e utensilios do fogar, vivendas e os mobles que hai nelas, actividades agrícolas, cultivos e vexetación silvestre, etcétera. Se non temos nin idea sobre por onde comezar a buscar nunha granxa galega, o dicionario de Buck daranos unha idea excelente sobre por onde comezar a procura.

Aínda que o dicionario de Buck non está dispoñible en liña, é barato e pódese mercar facilmente.

Explorando o mundo gaélico en detalle

Finalmente, xa que volvemos estar centrados na granxa galega, podemos recorrer a unha obra de referencia de grande importancia para o noso traballo: Early Irish Farming de Fergus Kelly. Trátase dun libro de máis de 750 páxinas dedicadas a unha discusión detallada da agricultura irlandesa na Alta Idade Media “baseada principalmente en textos legais dos séculos VII e VIII d.C.”. Nel atoparemos precisamente os termos usados en gaélico irlandés antigo para describir todo tipo de actividades agrícolas. Ademais, moitos dos capítulos duplican os campos semánticos abranguidos no dicionario de Buck para todo o grupo de linguas indoeuropeas.

Este libro complementa a obra de referencia básica de Kelly: A Guide to Early Irish Law, que trata sobre as relacións entre persoas na sociedade irlandesa temperá. Xa que a as leis irlandesas nunca estiveron baseadas nas leis romanas, eran unha herdanza directa os devanceiros indoeuropeos dos gaeles, segundo foron modificadas ó longo do tempo na sociedade gaélica. Foron transmitidas polos xuíces tradicionais entre os gaeles, coñecidos como os breithiúna (“Brehons”), quen, xunto cos poetas, os historiadores tradicionais, os xenealoxistas e as autoridades con coñecementos sobre toponimia (dinnseanchas) formaban os aos dána, as clases educadas da sociedade gaélica. Esta forma de lei (brehon) practicouse en toda a sociedade gaélica de Irlanda e de Escocia ata o século XVI, cando este sistema de leis, xunto coas clases educadas que o transmitían, foi destruído polos administradores británicos.

A importancia deste conxunto de leis é que describe en detalle unha forma de sociedade celta que era moi semellante na súa organización social ós grupos  que personificaban a cultura castrexa na Galicia prerromana. Lembremos que en Galicia a cultura castrexa, na súa forma física e na súa distribución espacial, era moi distinta á das culturas doutras rexións da Península Ibérica pero bastante similar á do seu equivalente cultural en Irlanda[14]. Aínda hoxe, o clima de Galicia e unha boa parte da súa xeografía física lémbranos moito a Irlanda.

E aquí, nas antigas leis irlandesas, temos a terminoloxía exacta para describir un mundo social moi semellante ó que debeu existir en Galicia en tempos prerromanos. Cos devanditos recursos léxicos, podemos seguir estes termos gaélico-irlandeses antigos tanto nas súas formas en gaélico irlandés antigo como nas súas formas modernas nas diferentes linguas gaélicas. Xa estamos preparados para comezar a explorar na Galicia rural. E podemos facer a pregunta unha vez máis: Como comezamos?

Comezando a exploración do léxico do galego moderno e das linguas gaélicas modernas

A maneira máis sinxela de empezar é escoller unha interesante palabra galega descrita como “de orixe descoñecida” e ver se a podemos relacionar cunha palabra dunha lingua gaélica moderna que teña unha forma fonética semellante e un significado similar. Isto sería descrito como un “parecido superficial”, pero así é como comezan tódalas comparanzas de posibles formas cognadas. Nunha etapa posterior, podemos recorrer a potentes técnicas de análise lingüístico para acometer a proposta relación xenética, pero esta primeira fase de recollida de datos é o comezo de toda investigación de lingüística comparativa.

Moitas persoas poden pensar que canto máis vellos sexan os datos lingüísticos examinados, mellor. Poden preferir inscricións de hai 2.000 ou 3.000 anos, porque a súa antigüidade situaría o material lingüístico moito máis próximo ó da lingua ancestral común ás dúas linguas examinadas, e as características xenéticas compartidas polas dúas linguas fillas serían moito máis claras.

Por exemplo, se quixésemos comparar a rama grega indoeuropea coa rama itálica, probablemente escolleríamos comparar o grego clásico co latín clásico en lugar de comparar o grego moderno co portugués falado en Brasil. E iso ten moito sentido, pero non é todo o conto.

O problema das inscricións antigas é que adoitan ser poucas e moi breves, mal conservadas debido ás condicións climáticas ó longo do tempo, indescifrables, só parcialmente descifrables ou de interpretación cuestionable mesmo cando se supón que foron descifradas, etcétera. Esta é a situación de case tódalas inscricións celtas prerromanas, aínda que algunhas son moi útiles.

Os textos longos teñen un gran valor cando poden ser descifrados, xa que poden conter unha enorme cantidade de material lingüístico. Ademais, adoitan ser conservados por sacerdotes, escribas ou un grupo de eruditos especializados que poden explicar detalles da pronunciación e do significado da antiga lingua escrita. Existen tales especialistas en sánscrito, hebreo e arábico clásico, por exemplo.

Esta é a razón pola que a masa de textos escritos en gaélico irlandés antigo e medio teñen tanto valor; incluso no século XIX había escribas locais involucrados no copiado de textos antigos, e posuían unha enorme cantidade de coñecemento especializado. Unha gran parte do detalle dos textos antigos pode ser explicada.

A ortografía do gaélico irlandés antigo era un pouco diferente á da lingua a partir do século XII, pero non hai problema ningún na interpretación dos seus sons. Aínda se pode oír case todo o vocabulario de gaélico irlandés antigo nas súas formas dialectais nos dialectos gaélicos vivos de Irlanda e Escocia.

E isto tráenos ás linguas vivas. Podemos esperar unha relación próxima entre as formas fonéticas do vocabulario do gaélico irlandés antigo e as formas fonéticas de palabras pertencentes ó vocabulario dos dialectos vivos? En moitos casos, a relación é moi próxima, de xeito que un falante de gaélico irlandés antigo entendería moitas palabras individuais do vocabulario se as oíse. Así e todo, a gramática dos dialectos vivos sería moito máis simple cá gramática do gaélico irlandés antigo tal como o escribían os escribas, pero neste caso non nos preocupa a gramática da lingua.

E por iso podemos escoller unha palabra dunha lingua gaélica moderna, comprobar a súa forma en gaélico irlandés antigo e comparala despois á palabra galega que estamos investigando. Nese caso, é probable que o mellor sexa comezar cunha palabra do vocabulario do magnífico Foclóir Gaeilge-Béarla e despois, empregando o índice de gaélico irlandés moderno a gaélico irlandés antigo (Innéacs Nua-Ghaeilge don Dictionary of the Irish Language), mirar o seu equivalente en gaélico irlandés antigo no Electronic Dictionary of the Irish Language (eDIL).

[14] Cf. especialmente pp. 338-345 en Cunliffe (2001) e pp. 94-109 en Alberro e Jordán Cólera (2008).

Descubrindo vocabulario de substrato en Galicia – Parte terceira

Onde procuramos vocabulario de substrato?

Así, a resultas de toda a exposición precedente, existen boas razóns para sospeitar que hai unha boa cantidade de material lingüístico celta subxacente nos topónimos galegos e no vocabulario básico da lingua galega. De ser así, como o atopamos e onde buscamos, onde atopamos o vocabulario de substrato? Comecemos polo vocabulario da lingua galega.

Podemos comezar a procura en zonas rurais tranquilas e, máis especificamente, nos predios desas zonas, xa que a vida adoita cambiar de vagar nas zonas rurais e nelas dáse unha importante continuidade cultural. Adoitamos referirnos ás cousas polos nomes que estamos afeitos a empregar e moitos apeiros agrícolas cambiaron pouco co paso dos séculos. Mesmo cando falamos unha lingua nova, podemos seguir empregando os nomes de vello.

Pasei un verán entre a xente do México rural, nunha vila pequena ó pé do Monte Malinche (Malintzin) chamada San Pablo Zitlaltepec. Alí, a xeración más vella – especialmente as avoas – aínda falaban a lingua azteca — nahuatl. Aínda que é probable que a xente da vila falase castelán, en parte polo menos, desde o século XVI[11] e a xeración máis nova falase castelán decote, a lingua indíxena non morrera.  Ó referirse á “herba”, mesmo as xeracións máis novas falaban de sacate e non de hierba. Por que? Porque sempre falaran dela como sacate.

A palabra era simplemente unha adaptación da palabra nahuatl sacatl ó sistema sonoro da lingua castelá. Era a palabra que aínda empregaban as súas avoas ó falar nahuatl, e todos sabían o que significaba. Parecía que a palabra estivera alí desde que crecía a herba, e non había motivo para substituír a palabra nativa por unha palabra castelá, nin sequera ó falar castelán. Ó mellor, algún día substituirían a palabra sacate polo termo castelán hierba – pero aínda non.

Tamén usamos nomes vellos para cousas que non están presentes na nova lingua. Por exemplo, naquela comunidade tamén había outra palabra de uso constante — séncal. Esta palabra tamén era un vocábulo nahuatl adaptado ó sistema sonoro do castelán — séncalli “casa de maínzo” – empregada para describir un pequeno hórreo de madeira para gardar o maínzo. Tiña unha función semellante á dos hórreos galegos, pero cunha forma lixeiramente distinta. Neste caso, a palabra séncal empregábase para describir un obxecto inexistente en España pero que era tradicional na súa rexión e, polo tanto, a palabra probablemente existiría na lingua castelá local mentres existise o obxecto.

De maneira semellante, as palabras tomate, chocolate e coyote entraron na lingua castelán procedentes do nahuatl, pero ninguén intentou substituír estes termos por unha palabra castelá porque en Europa non existira nada parecido a eses artigos e, conseguintemente, ningunha lingua europea tiña termos nativos para eles. Estas palabras nahuatl pasaron do castelán a outras linguas do mundo. Volveremos examinar estas palabras posteriormente.

Así, podemos comezar a nosa busca de vocabulario de substrato celta examinando as estruturas, as ferramentas, as actividades e os animais domésticos da granxa. E despois, alén de granxas e predios, temos o amplo mundo da natureza para explorar. Podemos estar seguros de que tódolos termos que usamos para describir mesmo as cousas máis pequenas da natureza proceden do latín? Non pasarían a través da rede algúns termos, polo menos, dos empregados polos nosos devanceiros celtas permanecendo como parte do noso vocabulario habitual incluso ó falar a nova lingua?

En gaélico irlandés, por exemplo, hai unha palabra empregada para describir o espazo entre os dedos — ladhar [láyar]. Este é o tipo de palabra que pasaría a través da peneira da nova lingua e permanecería oculta no seu vocabulario. Os falantes tenderían a usar a palabra vella por hábito, pero tamén porque posiblemente descoñecesen o termo correspondente na nova lingua.

Debemos lembrar que cando o latín se espallaba polos territorios acabados de conquistar, a lingua non tiña o beneficio da radio, da televisión, dos xornais, nin o dun sistema de educación en masa para expandirse.  Na maioría dos casos, ós novos gobernantes non lles importaba que lingua falaba a xente, sempre que pagasen os impostos. Así que cando se espallou o latín, espallouse desde os mercados e as feiras — non dos lugares de aprendizaxe. E mentres se espallaba, facíao de vagar, imperfectamente, desde os centros urbanos ás zonas rurais máis distantes. Ese espallamento tardaría séculos en completarse.

Henriette Walter, no seu magnífico libro Le Français dans Tous Les Sens[12], sinala que o latín falado pola poboación da Galia romana non foi nunca o latín clásico.  Era o latín que falaban os soldados romanos procedentes de todo o Imperio Romano – soldados cuxa lingua nativa probablemente non fose o latín, e esa lingua contiña unha boa cantidade de xerga soldadesca, como testa (tête en francés) “testo de arxila”, empregado na Galia en lugar da palabra normal para “cabeza”. Se un soldado romano casaba cunha feirante da Galia e tiñan fillos, podemos estar seguros de que o latín que falasen os nenos xamais sería o latín de Cicerón!

Eses soldados, cuxo vocabulario latino podía ser un pouco limitado, non podían aportar termos latinos suficientes para substituír todo o vocabulario nativo para as pequenas cousas da vida cotiá. Deste xeito, os termos nativos para estas cousas poderían permanecer ocultos na forma local de latín, disfrazados co paso do tempo con formas fonéticas características das palabras da nova lingua. Despois duns séculos, sería difícil diferenciar as palabras nativas do resto do vocabulario do latín local. Volvendo ós exemplos mencionados anteriormente, a palabra coyote chegaría a parecer tan natural no castelán como a palabra bigote e ninguén supoñería que a súa predecesora era a palabra nahuatl cóyotl.

[11] Os seus devanceiros Tlaxcaltecáns marcharan con Hernán Cortés para conquistar a capital do Imperio Azteca, polo que estarían expostos á influencia cultural castelá desde o comezo da conquista de México.

[12] Cf. Walter (1988).

 

Descubrindo vocabulario de substrato en Galicia – Parte segunda

Contacto Continuado no último milenio anterior á era cristiá

Pero a tradición irlandesa insiste en que o contacto entre Irlanda e Galicia se mantivo durante os longos séculos de separación, e que ámbolos dous pobos continuaron falando a mesma lingua.[5] Se isto fose verdade, suxeriría que as formas da lingua celta en Galicia contra o 500 d.C. e as do gaélico irlandés antigo serían moi semellantes, e que unha boa parte dese material máis antigo aínda sería recoñecible nas linguas gaélicas vivas na actualidade en Irlanda, Escocia e a Illa de Man, así como nos topónimos e vocábulos de orixe celta en Galicia.

De feito, a arqueoloxía atesta a verdade desa tradición de contacto continuado. Por exemplo, na illa de Inis Mór (Árainn) nas Illas de Arán, na Baía de Galway, atopouse un grande alixo de armas hai uns anos. As armas databan da era de Cristo e eran do tipo atopado na Península Ibérica. Similarmente, as fortificacións exteriores do gran castro das Idades de Bronce e de Ferro que se chama Dún Aonghusa, na mesma illa, conteñen ringleiras de pedras colocadas para formar chevaux de frise, unha técnica de defensa rara en Irlanda pero característica da Península Ibérica.

Dito doutro xeito, malia o cambio de atención á zona mediterránea coa chegada dos comerciantes fenicios contra o 800 a.C.[6], parece que os galegos e mailos seus veciños mantiveron o contacto con Irlanda ata a conquista romana da Península Ibérica.

Falando dos fenicios, outro indicio de que tanto os celtas gaélicofalantes de Irlanda como os seus veciños britónicos en Gran Bretaña estaban en contacto coa Península Ibérica durante o último milenio anterior á conquista romana da península provén do campo da lingüística e esa evidencia apunta directamente ós fenicios.

Tanto o gaélico irlandés como o galés teñen notables características gramaticais que son exclusivas de ámbalas dúas illas e que se atopan nas linguas semíticas do Mediterráneo oriental. As rutas marítimas serían as evidentes rutas de entrada desas innovadoras características nas linguas das poboacións de Gran Bretaña e de Irlanda, que as conectaban cos comerciantes fenicios do sur que se dedicaban ó comercio de metais.

Xa que o asentamento dos fenicios na costa meridional da península desde o século IX a.C. en adiante tivo un papel prominente no desenvolvemento do comercio dos metais ó longo de toda a costa occidental da península, é moi probable que o bilingüismo social que debeu caracterizar as amplas e duradeiras relacións comerciais entre as comunidades fenicias e celtas tivese un profundo efecto na lingua franca celta en desenvolvemento nas rutas comerciais marítimas.

Como demostra a boa relación que tiñan os pobos celtas cos cartaxineses durante as guerras cartaxinesas con Roma, só a destrución do Imperio Cartaxinés por Roma e a subseguinte conquista romana da Península Ibérica poderían cortar unha relación tan boa.

No meu artigo na edición de 2014 do Anuario Brigantino, mencionei unha característica lingüística que se dá tanto nas linguas celtas como nas linguas semíticas: as chamadas “preposicións conxugadas”. Como expliquei no artigo, as “preposicións conxugadas” son paradigmas para preposicións individuais nas que ocorren formas fusionadas ou contractas de preposicións e pronomes. Por exemplo, as formas contractas dom (= do-m, “para min”) e dóibh (= dó-ibh, “para eles”), moi semellantes ás formas contractas dos obxectos directo e indirecto en galego, forman parte do paradigma para a preposición do.

Despois, centreime na preposición le en gaélico irlandés, demostrando que ten unha forma, un significado e unha función sintáctica moi semellantes ós da preposición le/la en hebreo e en arábico. (Por certo, o hebreo bíblico estaba intimamente emparentado á lingua fenicia.)

Pero hai outras dúas características notables que suxiren unha forte influencia das linguas semíticas. A primeira característica é que tanto as linguas gaélicas como as linguas britónicas insulares (aínda que non o bretón) teñen unha estrutura VSO obrigatoria, que significa que o verbo vai en primeiro lugar na oración, seguido polo suxeito e despois polo obxecto directo da oración – se hai obxecto directo. Esta peculiaridade tamén é característica das linguas semíticas.

En textos de moitas linguas do mundo pode ocorrer frecuentemente unha oración coa estrutura VSO como unha variante estilística de oracións cunha estrutura SVO. En castelán, por exemplo, pódese dicir facilmente, “Habló mi padre entonces”  por “Entonces mi padre habló“. Pero en irlandés e en galés, igual que en arábico ou en hebreo, o verbo debe preceder o suxeito da oración sen excepción.

Aínda que en galo[7] atopamos oracións cunha estrutura VSO, non está claro que esa orde de palabras fose obrigatoria, pero nas linguas celtas insulares, a orde VSO é obrigatoria. Por que é tan ríxida a estrutura VSO da oración? Unha explicación pode ser a influencia lingüística do adstrato procedente de feniciofalantes na costa occidental da Península Ibérica – falantes cos que os celtas insulares manterían un comercio marítimo durante medio milenio como mínimo.

Como mencionei no meu artigo anterior, é probable que as persoas que participaban nese comercio fosen falantes bilingües dunha lingua celta local e máis fenicio ou, se non, probablemente falasen unha lingua franca que mostraría as características tanto das linguas celtas como das semíticas. Lembremos que a relación entre celtas e fenicios era boa e perdurou durante séculos.

A segunda característica lingüística é unha estrutura peculiar que atopamos en frases nominais definidas nas que un substantivo definido é modificado por outro substantivo definido. Nestas frases, o artigo definido do primeiro substantivo non aparece nunca e soamente aparece o artigo definido do segundo substantivo. En gaélico irlandés, por exemplo, teach an mhúinteora significa “a casa do mestre”, pero o primeiro substantivo, aínda sendo un substantivo definido, non pode tomar nunca un artigo definido, de xeito que a frase *an teach an mhúinteora é gramaticalmente incorrecta. Exactamente o mesmo sería certo no seu equivalente en galés – ou en arábico ou en hebreo bíblico.

Non hai explicación ningunha sobre por que un substantivo definido do núcleo sintáctico dunha frase nominal dese tipo non pode ser modificado por un artigo definido.[8] Pero a regra é obrigatoria tanto nas linguas celtas insulares como nas linguas semíticas. Un volve sospeitar da influencia dos socios comerciais fenicios.

Entón, esta evidencia lingüística apoia a tese de que continuaron existindo fortes vencellos entre os celtas de Irlanda e Gran Bretaña e os pobos da Península Ibérica, polo menos ata a conquista romana da península. Como observamos anteriormente, as formas encontradas no paradigma do presente do verbo estar en galego moderno e o seu equivalente en gaélico irlandés antigo indican que eses contactos deberon ser fortes e duradeiros.

O asentamento de refuxiados celtas en “Britonia”, no norte de Galicia e de Asturias no século VI d.C., igual có dos córnicofalantes no oeste de Armórica nunha data aproximada, é outra proba de que estes contactos perduraron despois do colapso do Imperio Romano.[1] Como no caso dos asentamentos escandinavos nas zonas anglosaxonas do leste de Gran Bretaña durante o período viquingo, os colonos – amigables ou hostís – adoitan asentarse en áreas nas que a poboación local fala unha lingua semellante á que teñen de seu.

Onde non a falan, como no caso dos colonos escandinavos en Irlanda durante o mesmo período[9], as comunidades de colonos adoitan ser tratadas como intrusos pola poboación local e, conseguintemente, son acurralados pola poboación circundante en enclaves reducidos. Posteriormente, se chegan a un acordo coa poboación circundante, ós intrusos pódeselles permitir que funcionen como comerciantes co mundo exterior e finalmente serán absorbidos pola poboación local. Así e todo, se os colonos non chegan a un acordo coa poboación local, poden ser exterminados ou escravizados.

Resumindo, os refuxiados celtas que fuxían da presión da invasión anglosaxona de Gran Bretaña normalmente fuxían a zonas onde se falaban linguas celtas e onde serían ben recibidos como parentes étnicos. É de supoñer que as mesmas consideracións serían aplicables no caso dos refuxiados celtas que chegaron a Galicia e a Asturias no mesmo período aproximadamente. Así, non nos sorprende atopar un bispo cun bo nome irlandés (Mailoc/Maeloc) representando o episcopado galego de “Britonia” no Segundo Concilio de Braga no ano 572 .C.

[5] Cf. Keating, Foras Feasa ar Éirinn, Part XIX.

[6] Cf. Cunliffe (2001), pp. 297-302.

[7] Cf. Isaac (2007), p. 49.

[8] O desenvolvemento do artigo definido nas linguas indoeuropeas é un desenvolvemento tardío que ocorreu despois da conquista romana do occidente de Europa, e soamente ocorre nas linguas indoeuropeas do litoral atlántico.  O desenvolvemento do artigo definido nas linguas romances occidentais, nas linguas xermánicas e nas linguas celtas ó longo de toda a costa atlántica é un fenómeno complexo que precisa unha boa explicación.  Así é todo, as linguas eslávicas e as linguas bálticas da Europa oriental aínda non desenvolveron artigos definidos e continúan seguindo o vello modelo indoeuropeo.

[9] Cf. pp. 87-90 en Alberro e Jordán Cólera (2008).

[10] Cf. Byrne (2005).

 

A Urraca: unha garantía da continuidade da tribo

RETRATO DE URRACA EN LA GALERÍA DE LOS REYES DEL AYUNTAMIENTO

URRACA – ORRACA

No ano 1109, trala morte de seu pai Afonso VI, Dona Urraca Alfonsez de Borgoña proclámase totius Gallecie imperatrix e totius hispaniae imperatrix (en crónicas contemporáneas).

Afonso VI casou a súa filla maior e herdeira, Urraca (raíña de León e Castela), con Afonso o Batallador, rei de Navarra e Aragón, e trala morte daquel en 1109, o Batallador comezou a usar o título de Imperator nos seus documentos, aínda que nas súas moedas só figuraba como Rex.

Usa o título por dereito propio ou foi só un “emperador consorte” realmente?

Qué significa o nome Urraca?

A qué se debe que as mulleres coñecidas por ese nome sexan nais, esposas e fillas de reis e de nobres?

Comecemos cun pouco de historia:

A primeira Urraca rexistrada na historia é a esposa de Ramiro I de Asturias (ou León segundo as fontes), quen foi coroado rei tras derrotar a Nepociano.

O rei García Íñiguez de Pamplona (851-852) tamén casou cunha Urraca.

Sancho I de León casou con outra Urraca e unha das súas fillas tamén se chamaría así. A súa filla Urraca sería raíña consorte de León en dúas ocasións 951-956 e 958-960, así como raíña consorte de Navarra desde 970 a 974

Tamén Afonso VI, o segundo fillo de Fernando I, se refería a al mesmo como “fillo do Emperador Fernando”. Pouco despois (1074), Urraca de Zamora e Elvira de Toro referíanse a elas mesmas como “fillas do Emperador Fernando I o Magno”, sendo raíña a primeira e infanta de León a segunda.

Así chegamos a Urraca a emperatriz, o seu neto Fernando II de León (1137-1188) casará con Urraca de Portugal e, en terceiras nupcias, casará con Urraca López de Haro, filla de Lope Díaz de Haro, Señor de Biscaia.

Tamén Urraca, Infanta de Portugal e filla de Afonso I Henríquez, primeiro rei de Portugal, e da su esposa, a Raíña Mafalda de Saboia, foi raíña consorte de León polo seu matrimonio co rei Fernando II.

Como se pode ver, só aquelas mulleres con verdadeiro poder nas súas familias, as herdeiras da liñaxe, recibían este nome. Por que?

Hai bastantes máis raíñas e princesas chamadas Urraca e Orraca pero estes exemplos deberían ser suficientes, xa que ofrecen unha idea xeral da ocorrencia do nome.

É hora de que a lingüística nos dea unha resposta.

*WRAKKA

O Profesor Higinio Martínez Estévez publicou un artigo sobre a orixe do nome Urraca, Orraca en galego e portugués, que se pode atopar aquí (em castelán): http://www.almargen.com.ar/sitio/seccion/cultura/jorncelt02/

Aínda que bebín do seu traballo , a miña proposta etimolóxica é bastante diferente. O Profesor Martínez Estévez fixo un magnífico traballo que non pode ser ignorado. Nel ofrece algúns datos moi interesantes sobre estes nomes:

1) O nome aparece no século IX, abonda ata o XIII e despois languidece ata finais do XIV
2)
Nos tres primeiros séculos, nas crónicas, as Urracas (galego-portuguesas Orracas) son todas raíñas mulleres de reis. Só despois do s. XIII, comezan a levalo mulleres que non son esposas de reis ou que non reinan.

3) Aparecen en todo o Norte hispánico, do Atlántico ó Mediterráneo.

Despois ofrece a súa hipótese, baseada en fracc, “muller”, “esposa”, en gaelaico irlandés antigo); gwrach, “bruxa” en galés; gruah, “vella” en córnico antigo, gwrah en córnico, groach en bretón medio, groac’h en bretón, “vella”; todas do étimo céltico antigo *wrakka, “esposa”, con cambios semánticos fáciles de comprender.

Como as formas fonéticas de todas estas palabras son bastante próximas ás de Urraca e Orraca, é unha proposta atractiva. Pero ó ter en conta que estes nomes foron postos a fillas de reis e de nobres ó naceren, ou pouco despois de naceren, os significados “esposa”, “bruxa”, “vella”, non parecen moi apropiados para unha nena que acaba de nacer, e tampouco parecen aptos para ser o nome dunha raíña ou dunha princesa.

AURRAE – URRA – ORRA

Como imos ver deseguido, a palabra gaelaico-irlandesa antiga aurrae e as súas formas aurrad, aurrai, urra e orra teñen formas fonéticas que tamén son moi próximas ás de urraca e orraca, en particular ó comparármolas con urra e orra contidas nas palabras romances.

En Electronic dictionary of the Irish Language, http://edil.qub.ac.uk/dictionary/search.php, vemos que aurrae e aurrad non son frecuentes nos textos máis temperáns. Probablemente aurrai sexa o exemplo máis antigo, empregado no sentido apararentemente secundario de “líder”, “xefe”. Se a forma aurrad é antiga, podería ser < *ar-fo-rath, cf. deorad < *di-fo- rath, coa que frecuentemente é contrastada en textos legais, aínda que Binchy a considera derivada de ráth.

Obsérvense as formas urra, orra, earra f., urradh, orradh, earradh m. Obsérvese tamén o nominativo singular. -aid, o xenitivo singular urrada, urrad, o nominativo plural urradha, urraidhe, o xenitivo plural uraidhe.

Obsérvense os significados destes termos:
(a) persoa que é nativa dentro das lindes dun `fine´, `túath´ etcétera, persoa cuxa protección e dereitos foron outorgados. Exemplo: aire urraid, “nobre nativo”.
(
b) Líder, xefe.
(
c) Aval, fiador (porque só un terratenente nativo podería actuar como tal). Exemplo: urra an sgeóil,o heroe da historia”.

Vimos a posible orixe destas palabras gaélicas na forma composta *ar-fo-rath.

Tamén vimos algúns dos seus significados: “persoa que é nativa dentro das lindes dun `fine´, `túath´ etcétera” Un fine é “un grupo de persoas da mesma familia ou parentesco” e nun sentido mais amplo significaproxenie, descendentes, un clan, tribo, raza”. Outros dous significados que tamén vimos son “líder, xefe” e “Aval, fiador (porque só un terratenente nativo podería actuar como tal)”. Estes significados parecen máis apropiados para unha raíña, unha princesa ou unha nobre.

En Dwelly-d, http://www.cairnwater.co.uk/gaelicdictionary/index.aspx, un dicionario gaelaico-escocés, vemos estas definicións da palabra urra:
1 Persoa. 2 Neno, nena. 3** Ourizo. 4 Fiador. 5** Poder, forza. 6** Bo autor. 7** Autoridade. 8** Defensor legal. 9** Xefe de tribo. 10 Corpo. 11 Véxase
urradh. [†† tamén dá o plural -achan] [Ten varios significados nas Hébridas Exteriores].
Exemplos:
An e seo an urra bheag? “É esta a pequena?” Phòs e nighean urra mhóir, “Casou coa filla dun nobre”.

A maioría destes significados son tamén apropiados para a esposa ou a filla dun rei. En particular “neno, nena” (infant en inglés), xa que a maioría das Orracas e Urracas galegas, portuguesas e castelás eran infantas ó nacer.

A palabra gaelaico-escocesa urrag case parece feita por encargo, xa que tanto a súa forma fonética como o seu significado encaizan como un guante:
urrag †† -aig, -an, sf Neno, nena (Infant), véxase urag.
ùrag -aig, -an, sf 1 Moza amable, agradable. 2 Nena pequena, neon pequeno.

Agora chegamos ás acepcións dalgunhas palabras gaelaico-escocesas e gaelaico-irlandesas modernas derivadas da mesma raíz con significados que non precisan moitas explicacións para ver que as palabras romances están directamente relacionadas con elas.

Gaélico escocés:

urradh -aidh, -ean, sm 1 Autor, autoridade, promotor ou causante de algo. 2 Poder, capacidade. 3 Defensor legal. 4* Dono, propietario.
urrach adx. Capaz, cualificado, competente.
urras -ais, -an, sm 1 Fiador, aval. 2 Alguén que se converte en fianza para outro. 3 Fianza, seguro, garantía. 4 Forza, seguridade. 5 Fiador, fiadora.

Gaélico irlandés:

urra, m. (gs. ~, pl. ). 1. Lit: Home libre dunha comunidade; home de posición, terratenente. 2. Fiador, aval. 3. Seguridade, garantía. 4. Autoridade. (a) Ceann urra, xefe.
urramach1, m. (gs. & npl. -aigh, gpl. ~). Persoa reverenda.

CONCLUSIÓN

O feito de que a palabra gaelaico-escocesa urrag, / /uRag/ ou /uRak/, co significado “neon, nena”, (“infant” en inglés), teña unha forma fonética tan parecida á de Urraca, o nome de varias princesas ou infantas, máis as formas urra e orra en gaelaico irlandés antigo contidas nos nomes romances Urraca e Orraca, deixan moi pouco lugar para dubidar sobre a orixe dos nomes destas raíñas, e esposas e fillas de rei na Península Ibérica. De tódolos xeitos, a hipótese baseada en *wrakka do Profesor Higinio Martínez Estévez’s non debería ser desbotada em absoluto.

Dalgunha maneira, parece estraño que ninguén relacionase as palabras romances arra e arras con Urraca e Orraca. Segundo o DRAE, tanto arra como arras derivan do termo latino arrhae ou arrhăbo, do grego ἀρραβών, “aval, diñeiro de fianza, unha parte grande do pagamento, entregada por adiantado como fianza da cantidade total que será pagada finalmente”, moi en liña con algúns dos significados das palabras gaélicas aurrae, urra, orra, etcétera.

A cuestión de que estas palabras gaélicas estean ou non estean relacionadas cos termos latinos e grego arrhae, arrhăbo, e ἀρραβών non afecta a nosa proposta etimolóxica em absoluto, xa que as palabras romances teñen formas fonéticas e significados moito mais próximos os dos termos gaélicos. Que eu saiba, nin os mencionados termos latinos nin o grego teñen significados relacionados con “neno, nena”, “xefe de tribo”, “reverendo”, ou “persoa que é nativa dentro das lindes dun `fine´.

É posible que estes significados das palabras gaélicas poidan ser significados por extensión, posto que un neno ou nena podería considerarse unha garantía da continuidade da tribo, igual que un xefe de tribo, un nobre ou mesmo unha raíña ou a esposa dun rei, e en particular nunha cultura celta ou gaélica, onde as mulleres eran consideradas, como mínimo, tan importantes como os homes.

Como as palabras non aparecen de súpeto nunha lingua e a orixe deste nome romance, Urraca / Orraca, parece ser claramente gaélica ou, polo menos, celta, temos que preguntarnos como chegou á Península Ibérica e onde estivo agochado ata o s. IX cando reapareceu como nome de varias raíñas e princesas.

G. Martín Fernández Maceiras